Día Internacional do Voluntariado 2023

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 04/12/2023

O día 5 de decembro celébrase o Día Internacional do Voluntariado,unha data establecida polas Nacións Unidas en 1985 para homenaxear a todas as persoas voluntarias e concienciar sobre o seu labor vital na sociedade. Trátase dun día dedicado a promover o voluntariado e a dar a coñecer programas e actividades que se poden realizar, de maneira desinteresada, para facer do noso planeta un lugar mellor a través dos obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS).

A campaña das Nacións Unidas do ano 2023 para o Día do Voluntariado resalta o poder da acción colectiva a través do lema «Se todos fixésemos…». Os retos aos que fan fronte máis de mil millóns de persoas voluntarias a través do seu traballo incansable son cada vez maiores, mais estas cifras seguen sen ser insuficientes. A ONU sinala que, se todos nós participásemos en voluntariados, o mundo sería un lugar mellor. Para sensibilizar á poboación, a organización promove por redes sociais a campaña #IfEveryoneDid, etiqueta baixo a que se pode atopar información relevante acerca do voluntariado.

A Universidade de Vigo súmase a esta celebración un ano máis no marco da Axenda 2030. A nosa universidade oferta un amplo abano de actividades de voluntariado e anima a toda a comunidade universitaria a participar nelas. 

Desta maneira, preténdese invitar a comunidade universitaria a formar parte dos programas de voluntariado. Para participar, só tes que ser membro da estudante, PDI ou PAS e estar disposto/a a axudar. Ademais, se es estudante poderás validar 30 horas de voluntariado por 1 crédito ECTS. O curso pasado, foron 168 os estudantes que participaron en 75 proxectos dedicados, na súa maioría, ao coidado infantil, de persoas maiores e de colectivos en risco de exclusión social. Podes ver a listaxe de actividades de voluntariado, tanto da UVigo coma externas, premendo aquí

Ademais dos proxectos da UVigo, a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social, en colaboración coas universidades do SUG, oferta o programa de voluntariado «Correspondentes universitarias/os». O seu fin é favorecer a difusión da información xuvenil entre o estudantado dos campus.

 

Vicerreitoría de Benestar, Equidade e Diversidade
Edificio Ernestina Otero
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 130 261
vic.benestar@uvigo.gal | direc.equidade@uvigo.gal