Día Mundial contra o Cancro 2024

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 02/02/2024

Este 4 de febreiro a Universidade de Vigo súmase, un ano máis, á comunidade global para conmemorar o Día Mundial contra o Cancro. Baixo o lema «Por uns coidados máis xustos», a OMS chama á acción en prol da mellora, a nivel global, da atención de calidade, a detección temperá, o tratamento e os coidados paliativos. 

O cancro é a segunda causa de morte no mundo, con máis de 10 millóns de vítimas anuais, isto é, máis que o VIH/SIDA, a malaria e a tuberculose xuntos. Prevese que a cifra de casos de cancro irá en aumento nos vindeiros anos pero, segundo a OMS, máis dun terzo dos casos poden previrse. Condutas como evitar o tabaquismo e o alcohol, seguir unha alimentación saudable e exercitarse regularmente poden previr esta e outras enfermidades non transmisibles. Con todo, a contaminación do aire e algunhas infeccións crónicas son riscos aos que se ve exposta involuntariamente unha parte importante da poboación, especialmente nas rexións menos desenvolvidas, que rexistran o 65 % dos casos mundiais de cancro.

Ante esta situación, a Axenda 2030 urxe, a través do ODS 3 Saúde e benestar, á comunidade global a reducir nun terzo a mortalidade prematura por enfermidades non transmisibles mediante a súa prevención e tratamento (meta 3.4). De feito, estímase que un terzo dos casos de cancro son curables se son detectados de forma temperá e tratados axeitadamente. O acceso igualitario aos servizos de prevención, diagnóstico, tratamento e coidado pode salvar vidas.

Pola súa banda, a mellora dos sistemas de diagnóstico, tratamentos e coidados está directamente relacionada coa investigación e innovación neste campo, cuxos achados permiten aumentar a esperanza de vida dos e das pacientes con cancro e mellorar a súa calidade de vida. Neste ámbito, o papel das universidades é chave, ao constituír motores do coñecemento científico. Así o recolle tamén o ODS 3 da Axenda 2030, que fixa como unha das súas metas o apoio ás actividades de investigación e desenvolvemento de tratamentos para as enfermidades con gran afección nas rexións en desenvolvemento (meta 3.b).

A Universidade de Vigo mostra o seu compromiso coa loita contra o cancro no eido da investigación en prevención, detección e tratamentos da enfermidade.

Ademais, promove un estilo de vida saudable a través da oferta de servizos de saúde, benestar e deporte. Convidámosvos a coñecer as investigacións realizadas na Universidade de Vigo e as iniciativas de saúde, benestar e deporte

 

Vicerreitoría de Benestar, Equidade e Diversidade
Edificio Ernestina Otero
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 130 261
vic.benestar@uvigo.gal | direc.equidade@uvigo.gal