Día Mundial das Persoas Refuxiadas 2023

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 20/06/2023

Hoxe 20 de xuño conmemórase o Día Mundial das Persoas Refuxiadas. A Asemblea Xeral das Nacións Unidas estableceu esta data no ano 2000 para honrar as persoas que tiveron que fuxir dos seus países de orixe por mor da persecución ou dos conflitos, así como para sensibilizar sobre o seu dereito a conseguir protección internacional e acceder nos países de acollida a unha plena inclusión social e económica. 

Este ano celébrase baixo o lema “Esperanza lonxe do fogar. Por un mundo inclusivo coas persoas refuxiadas" co que a Axencia das Nacións Unidas para as Persoas Refuxiadas (ACNUR) pon o foco no poder da inclusión e das solucións en favor das persoas refuxiadas mentres fomenta a comprensión e a empatía cara ás persoas refuxiadas e desprazadas destacando a súa valentía e a súa capacidade de resiliencia.

O poder da educación superior na inclusión das persoas en situación de refuxio

O acceso a unha educación de calidade é crucial para que as persoas refuxiadas poidan ser autosuficientes, desenvolver o seu talento, así como contribuír ao desenvolvemento do país de acollida e do seu propio país cando as condicións o permitan. Sen embargo, os informes anuais de ACNUR (a taxa global de acceso á Universidade de máis do 40 % mentes que  so o 6 % das persoas refuxiadas accede a estudos universitarios) poñen de manifesto a fenda existente no acceso das persoas refuxiadas á educación superior. 

As universidades son actores cada vez máis importantes no eido do refuxio, desenvolvendo a súa acción como xeradoras de alianzas entre si e con ONGD e outras institucións, como impulsoras de bolsas e sistemas de apoio á inclusión de estudantes universitarios en situación de refuxio, así como no seu papel de educación e de sensibilización.

Porén, continúan a existir importantes obstáculos de cara a unha verdadeira igualdade de oportunidades, como é o caso dos trámites e os requisitos documentais de acceso a educación superior. Establecer a nivel estatal ferramentas, como o Pasaporte Europeo de Cualificacións para as Persoas Refuxiadas, que permitan axilizar a tramitación dos procedementos de homologación e equivalencia de titulacións académicas sería un grande avance cara ao acceso das persoas en situación de refuxio á educación superior. Concienciar sobre a importancia deste recurso e traballar cara a súa implantación é unha das accións que estamos a desenvolver conxuntamente as universidades comprometidas en materia de refuxio.

Actividades na nosa contorna

 

Área de Equidade e Diversidade
Vicerreitoría de Benestar, Equidade e Diversidade
Edificio Ernestina Otero
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 130 261
vic.benestar@uvigo.gal | direc.equidade@uvigo.gal