Día Mundial da Síndrome de Down 2024

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 21/03/2024

Neste 21 de marzo celebramos na Universidade de Vigo, un ano máis, o Día Mundial da Síndrome de Down. Nesta ocasión, a Organización das Nacións Unidas subliña a importancia de acabar coas ideas preconcibidas sobre esta alteración xenética para lograr unha sociedade verdadeiramente diversa, inclusiva e igualitaria.

As persoas con síndrome de Down e outras diversidades intelectuais teñen dereito á autonomía e á independencia individuais, así como a ser tratadas como adultas. Fronte a estereotipos, prexuízos e invisibilidade, debemos fomentar a inclusión e a visibilidade. Con esta intención, a Federación Síndrome de Down Galicia lanza o lema «No camiño da inclusión, todas compartimos viaxe» nunha campaña en prol da sensibilización da sociedade respecto desta condición.

Down Galicia leva desde os anos 90 traballando en prol da inclusión, do trato xusto, da igualdade de oportunidades e da mellora da calidade de vida para este colectivo e as súas familias. Desta forma, o apoio da Federación comeza coa atención temperá de meniños e meniñas e mantense ao longo de toda o ciclo vital con servizos transversais como o apoio na educación ou no emprego.

Neste 21 de marzo, a Universidade de Vigo une forzas con Down Galicia para darlle visibilidade á realidade do colectivo con síndrome de Down e outras diversidades intelectuais e favorecer a súa inclusión educativa e social.

Invitámoste a coñecer que é a síndrome de Down con este vídeo curto e este documental. Down Galicia tamén edita unha guía para coñecer a terminoloxía correcta para referirnos a este colectivo. 

Pero que sucede no mundo laboral? Lamentablemente, o 95 % das persoas con síndrome de Down non consegue traballo, de acordo co European Down Syndrome Association (EDSA). Este sketch de Down España reivindica en clave cómica que moitas persoas con síndrome de Down están «extracapacitadas» para o emprego.

Hai moito traballo que facer para contribuír a unha sociedade máis inclusiva , xusta e igualitaria. Para avanzar nesa dirección a Universiade de Vigo, conxuntamente con Down Vigo e Ourense, traballa para mellorar as perspectivas laborais das persoas con síndrome de Down e outras diversidades intelectuais co Programa universitario para o emprego e a vida autónoma.

Se ti tamén queres contribuír, podes consultar as ofertas de voluntariado da Universidade de Vigo para colaborar na mellora da calidade de vida das persoas con síndrome de Down en cooperación con Down Galicia.

Anímate a participar!

 

Vicerreitoría de Benestar, Equidade e Diversidade
Edificio Ernestina Otero
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 130 261
vic.benestar@uvigo.gal | direc.equidade@uvigo.gal

Federación Down Galicia
Rúa de Alejandro Novo González, 1
15706 Santiago de Compostela
+34 981 581 197
downgalicia@downgalicia.org