Día Mundial da Xustiza Social 2024

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 20/02/2024

A xustiza social no centro das axendas políticas internacionais, nacionais e rexionais

Cada 20 de febreiro a Universidade de Vigo únese á celebración do Día Mundial da Xustiza Social, promovida polas Nacións Unidas, co fin de recordar que a construción dunha sociedade xusta e equitativa é unha necesidade. Co lema «A xustiza social no centro das axendas políticas internacionais, nacionais e rexionais», este 2024 ponse o foco en promover a xustiza social como guía a toda acción política e avanzar nos dereitos fundamentais de oportunidades de emprego, protección social e diálogo social entre gobernos, empresas e traballadores.

O concepto de xustiza social parte da Declaración da Organización Internacional do Traballo (OIT) sobre a xustiza social para unha globalización equitativa e baséase nos dereitos humanos fundamentais e na igualdade de oportunidades. De acordo co informe das Nacións Unidas A nosa Axenda Común, a xustiza social vai máis alá da xustiza legal e abarca a igualdade de xénero, os dereitos dos pobos indíxenas e das persoas migrantes, ao igual que a supresión da discriminación por razón de xénero, idade, raza, etnia, relixión, cultura ou discapacidade. Con esta conmemoración, a ONU chama ao diálogo entre todos os axentes sociais (Estados, sociedade civil, organizacións internacionais etc.) para pór o foco en paliar a pobreza, a desigualdade e a tensión social, hoxe en auxe, e camiñar cara a sociedades e economías cohesionadas.

A día de hoxe, a xustiza social vese ameazada pola desconfianza cara ás institucións e dirixentes políticos como consecuencia da mingua do benestar social por causas tan dispares como as crises económicas, a pandemia de covid-19, os fenómenos atmosféricos extremos motivados polo cambio climático, a tensión xeopolítica, os conflitos armados e a dependencia económica e social a nivel global. Ademais, a credibilidade dos compromisos internacionais diminúe ao comparala cos logros conseguidos. A xustiza social debe ser unha prioridade para as institucións que, de cumprir cos compromisos acordados e dar resposta aos desafíos anteriormente mencionados,  reforzarían a súa credibilidade a ollos da cidadanía. 

A procura da xustiza social e a consecución dos obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) da Axenda 2030 están directamente relacionadas pois a igualdade, o multilateralismo inclusivo e a harmonía social son metas compartidas. Con todo, a xustiza social non se asocia cun único ODS. É un concepto transversal con especial vinculación aos obxectivos 1 «fin da pobreza», 3 «saúde e benestar», 4 «educación de calidade», 5 «igualdade de xénero», 10 «redución das desigualdades» e, especialmente ao 16 «paz, xustiza e institucións sólidas», que reivindica a necesidade de seguridade, a fin dos conflitos armados, as institucións fortes e o acceso igualitario á xustiza.

Ademais de esixir institucións máis comprometidas coa xustiza social, as persoas podemos contribuír a unha sociedade máis xusta coas nosas propias accións como pode ser a participación en voluntariado. A este respecto, convidámosvos a coñecer os distintos programas de volutariado ofertados pola Universidade de Vigo e a formar parte da nosa comunidade de voluntariado.

Se queres saber máis, podes seguir a retransmisión en directo da OIT con relatorios sobre como situar a xustiza social no centro da axenda política.

 

Área de Equidade e Diversidade
Vicerreitoría de Benestar, Equidade e Diversidade
Edificio Ernestina Otero
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 130 261
vic.benestar@uvigo.gal | direc.equidade@uvigo.gal