Mensaxe de estado

O próximo mércores día 26 de xaneiro o portal estará fóra de servizo entre as 08:30 e as 09:30 debido a unha intervención programada

A tolerancia, nin indulxencia nin indiferenza: respecto

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 15/11/2021

O 16 de novembro é o Día Internacional para a Tolerancia, unha data na que se reafirma a importancia de promover a comprensión entre as diferentes culturas, pobos e formas de vida.

No ano 1996, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas convidou os seus Estados membros a enxalzar o que constitúe xa non só un principio fundamental no propio sistema de valores da organización, senón o que é un imperativo recollido na Carta das Nacións Unidas, na Declaración Universal de Dereitos Humanos e na Declaración de Principios sobre a Tolerancia de 1995.  

Esta última define a tolerancia como a actitude que consiste no respecto, na aceptación e no aprecio da rica diversidade das culturas do mundo, das diferentes formas de expresión das persoas, e que se materializa a través dos dereitos humanos. En consecuencia, os Estados democráticos teñen o deber de garantir o dereito dos individuos a vivir en paz e ser como son mediante a adopción de obrigas xurídicas e medidas educativas.

Este propósito faise eco na Axenda 2030 a través dos ODS 10 «Redución das desigualdades» e do 16 «Paz, xustiza e institucións sólidas», no sentido de que procuran a adopción de leis e políticas non discriminatorias en favor do desenvolvemento sostible e a redución das desigualdades. 

Cómpre sinalar, en relación co obxectivo 10, o aumento do discurso de odio a raíz da pandemia da covid-19, ademais dunha alarmante intensificación de actos de intolerancia e de violencia por motivos racistas, LGTBIfobos, neofascistas, clasistas e xenófobos perpetrados contra grupos vulnerables da sociedade.

Desde a Área de Responsabilidade Social e Cooperación da Universidade de Vigo unímonos á celebración desta data. Aproveitamos para amosar a nosa preocupación pola persistencia destes actos de intolerancia que asolan a nosa convivencia en sociedade e que constitúen ameazas para a consolidación da paz, da democracia e do desenvolvemento.

 

Máis información:

Área de Responsabilidade Social e Cooperación
Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación
+34 986 813 587
direc.rsco@uvigo.gal