Selección e contratación

Estratexia OTM-R: selección e contratación abertas e transparentes 

A estratexia de contratación de persoal investigador ten como referencia os principios de selección e contratación abertas, transparentes, baseadas en méritos e internacionalmente comparables (OTM-R) establecidos na Carta Europea do Persoal Investigador. Este proceso é unha garantía de que se contratará á mellor persoa posible para o posto de traballo. polo que achega beneficios ao persoal investigador, institucións e ao ámbito da investigación en xeral. De maneira máis específica, OTM-R propicia unha carreira investigadora máis atractiva, garante a igualdade de oportunidades para todas as persoas candidatas e facilita a mobilidade.

A Universidade recoñece a necesidade de que os centros de investigación e outras unidades de I+D+i estean en condicións de contratar persoal investigador do xeito máis áxil posible, á vez que se adhiren aos métodos de mellores prácticas de selección e contratactión consonte a lexislación vixente.

HR Research asiste e asesora tanto os solicitantes como os centros de investigación, unidades e servizos de I+D+i na contratación de persoal investigador.

  • Análise OTM-R
  • Política de OTM-R da UVigo aprobada no consello de goberno do 26 do decembro de 2023
    GL | ES | EN

Convocatorias de programas

De seguido podes consultar as convocatorias propias, autonómicas e nacionais para contratos de persoal investigador predoutoral (R1), posdoutoral (R2 e R3) e técnico e de xestión:
 

As seguintes convocatorias teñen por obxecto financiar a formación de persoas tituladas integradas en grupos de investigación que estean a realizar a tese de doutoramento na Universidade de Vigo e que, en función da súa capacitación e formación, poidan converterse en novo persoal investigador en formación mediante a formalización dun contrato predoutoral en calquera área de coñecemento científico conforme á lexislación vixente.

Axudas propias

Axudas da UVigo para contratos predoutorais

Ten por obxecto financiar a formación de persoas tituladas integradas en grupos de investigación que estean a realizar a tese de doutoramento na Universidade de Vigo e que, en función da súa capacitación e formación, poidan converterse en novo persoal investigador en formación mediante a formalización dun contrato predoutoral en calquera área de coñecemento científico conforme ao artigo 21 da Lei 14/2011, de 1 de xuño da ciencia, a tecnoloxía e a innovación modificada pola Lei 7/2022, de 5 de setembro.


Axudas autonómicas

Axudas de apoio á etapa predoutoral nas universidades do SUG

A contratación de persoal nas súas etapas iniciais constitúe a base para que, mediante procesos formativos estables, se adquiran as habilidades propias do persoal investigador, e ademais permite lograr que o sistema alcance unha dimensión dos seus recursos humanos de investigación comparable a outros países europeos.

Doutoramentos industriais 2023

O programa financia o desenvolvemento dunha tese de doutoramento na contorna empresarial, baseadas en proxectos de investigación que impliquen unha colaboración efectiva entre unha empresa ou centro de innovación e tecnoloxía (solicitante), e unha universidade do Sistema Galego Universitario (SUG) por un periodo máximo de tres anos.


Axudas nacionais

Axudas á formacion do profesorado universitario (FPU)

Estas axudas teñen por obxecto o financiamento dos custos derivados dos contratos predoutorais que se formalicen entre o profesorado universitario en formación e as universidades coa finalidade de que obteñan o título de doutor ou doutora e a adquisición de competencias docentes universitarias que faciliten a futura incorporación das personas beneficiarias ao sistema español de educación superior e de investigación científica. 

Ademais, teñen por obxeto financiar a contratación laboral durante un período de orientación posdoutoral dun ano de duración, daquelas persoas que obteñan o título de doutoramento con antelación ao inicio da última anualidade da axuda. A súa duración máxima é de catro anos.

Axudas para contratos predoutorais para a formación de doutoras e doutores

O fin destas axudas é que as persoas investigadoras en formación realicen unha tese de doutoramento asociada a un proxecto de investigación financiado polas axudas para proxectos de varios dos programas estatais. Ademais, teñen por obxeto financiar a contratación laboral durante un período de orientación posdoutoral dun ano de duración, daquelas persoas que obteñan o título de doutoramento con antelación ao inicio da última anualidade da axuda. As axudas terán unha duración máxima de catro anos.

A axuda concedida financia os custos de matrícula ademais de estadías de investigación.

Axudas para doutoramentos industriais

Axudas de catro anos de duración a empresas cuxa finalidade sexa promover a posta en marcha de proxectos de investigación industrial ou de desenvolvemento experimental, nos que se enmarque unha tese de doutoramento, co fin de favorecer a inserción laboral de persoal investigador nas empresas desde o inicio da súa carreira profesional. A empregabilidade destes investigadores é promover a incorporación do talento ao tecido produtivo para aumentar a súa competitividade.

Velaquí distintas convocatorias para financiar a contratación de persoas tituladas superiores que obtiveran o recoñecemento do título de doutora ou doutor para a súa formación nos departamentos da Universidade de Vigo, co fin de mellorar as súaa capacidades mediante estadías de investigación posdoutoral que, con carácter xeral, se desenvolverán no estranxeiro.
 

Axudas propias

Programa de retención de talento investigador da UVigo

A presente convocatoria ten como obxectivo a realización dun proceso selectivo para a contratación como persoal laboral temporal de catro investigadoras ou investigadores doutoras/es, que tiveran desenvolvido a súa actividade investigadora postdoutoral na Universidade de Vigo no cadro de determinados programas competitivos internacionais, nacionais e autonómicos


Axudas autonómicas

Axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral nas universidades do SUG

A finalidade do programa de axudas á etapa de formación posdoutoral é incrementar a incorporación de persoal investigador ao Sistema de I+D+i galego fomentando, na súa etapa inicial, a adquisición e perfeccionamento das habilidades propias do persoal investigador doutor, mediante contratos nos axentes que conforman o sistema e permitindo a súa mobilidade internacional para mellorar a súa formación e capacitación. Ademais, as entidades solicitantes poderán presentar a persoas investigadoras que opten a acadar a condición de bolseiras Fulbright.

Axudas para completar a etapa de formación posdoutoral nas universidades do SUG

A finalidade desta convocatoria é posibilitar a continuación da formación das doutoras e doutores que comezaron a súa formación posdoutoral, posibilitando un perfeccionamento na súa formación e o establecemento dunha liña de investigación propia que lles permita, nun futuro, consolidar a súa traxectoria.

Programa Oportunius

O Programa Oportunius é unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia, coa colaboración do Sistema Universitario Galego (SUG), o Consello Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) e os organismos de investigación de Galicia (aos que o programa está aberto para a súa incorporación), para ofrecer condicións atractivas que permitan atraer e reter talento investigador de primeiro nivel. 

O programa ofrece un itinerario deseñado á medida de tres perfís:

  • Gañadores ERC
    Paquete de axudas complementarias ao financiamento europeo, a través da opción a un contrato de persoal investigador distinguido e de recursos económicos para apoiar a súa actividade investigadora.
  • Finalistas ERC.
    Apoio económico e servizos de formación, asesoramento e revisión de propostas para aumentar as garantías de éxito nas seguintes convocatorias do ERC.
  • Candidatos ERC
    Formación e asesoramento experto ao persoal investigador distinguido cun alto potencial e unha carreira investigadora prometedora para que participen nas convocatorias do ERC.


Axudas nacionais

Axudas Juan de la Cierva formación

Teñen como obxectivo fomentar a contratación laboral de persoas doutoras novas por un período de dous anos para que completen a súa formación investigadora posdoutoral en centros de I+D españois distintos a aqueles nos que realizaron a súa formación predoutoral.

Ademais, para participar nesta convocatoria de Juan de la Cierva debe terse en conta o procedemento interno de presentación de candidaturas que debe ser consultado anualmente no taboleiro de convocatorias da Universidade de Vigo.

Axudas Juan de la Cierva incorporación

O seu obxectivo era fomentar a contratación laboral de persoas doutoras novas por un período de dous anos con obxecto de que afiancen as capacidades adquiridas durante unha primeira etapa de formación posdoutoral. A última convocatoria foi para o 2020.

A maiores do cofinanciamento do salario e da cota empresarial, esta convocatoria tamén recollía a concesión dunha axuda adicional de 6000 euros para cubrir os gastos directamente relacionados coas súas actividades de investigación de cada persoa contratada.

Ademais, para participar nas dúas convocatorias de Juan de la Cierva debe terse en conta o procedemento interno de presentación de candidaturas que debe ser consultado anualmente no taboleiro de convocatorias da Universidade de Vigo.

Axudas para contratos Ramón y Cajal

Estas axudas van dirixidas a promover a incorporación de persoal investigador nacional e estranxeiro cunha traxectoria destacada en centros de I+D coa fin de que adquiran as competencias e capacidades que lles permitan obter un posto de carácter estable nun organismo de investigación do Sistema Español de Ciencia, Tecnoloxía e de Innovación.

Desde a convocatoria para o 2021, as axudas divídense nunha primeira fase de tres anos equivalente as extintas Juan de la Cierva- Incorporación e unha segunda fase de dous anos de duración á que se poderá acceder despois de superar unha avaliación. 

As axudas destínanse a cofinanciar o salario e a cota empresarial da Seguridad Social dos investigadores e investigadoras contratadas, concedendo ademais unha axuda adicional por importe de  42.000 euros para cubrir os gastos directamente relacionados coa execución das súas actividades de investigación.

Axudas Beatriz Galindo para a atracción de talento investigador

O obxecto das axudas Beatriz Galindo é a atracción do talento investigador que ten realizado parte da súa carreira profesional no estranxeiro coa fin de favorecer a captación e formación de capital humano investigador e a súa mobilidde en sectores de interés estratéxico nacional, así como prover a calidade e a competitividade do persoal docente e investigador nas universidades españolas. 

Axudas para a recualificación do sistema universitario español

Estas axudas teñen como obxectivo fomentar a recualificación e a mobilidade nacional e internacional do persoal docente e investigador para aumentar a calidade da educación superior. 

Están financiadas polos fondos Next Generation EU e constan de tres modalidades: 

  • Margarita Salas para a formación de novas doutoras e doutores mediante estadías de formación estranxeiras ou nacionais dun máximo de tres anos de duración.
  • Recualificación do profesorado universitario ou contratado mediante estadías de formación en universidades ou centros de investigación públicos nacionais ou estranxeiros dun máximo dun ano de duración.
  • María Zambrano para a atracción a universidades públicas españolas de persoal docente e investigador con traxectoria posdoutoral acumulada en universidades ou centros de investigación estranxeiros de tres anos de duración.

Axudas para incentivar a incorporación de talento consolidado «Programa ATRAE»

Facilitar a incorporación de talento investigador consolidado, de recoñecido prestixio internacional e que desenvolvera recentemente un periodo relevante da súa actividade profesional no estranxeiro, de maneira que se promova o avance cara a un sistema español de ciencia, tecnoloxía e innovación máis competitivo no ámbito nacional e internacional.
 
Consolidación Investigadora 2023
 
Fomentar a consolidación da carreira profesional de investigadores/as, nacionais e estranxeiros, para que poidan desenvolver a súa carreira profesional dentro do sistema español de ciencia, tecnoloxía e innovación.
 

Axudas para contratos de persoal técnico de apoio (PTA)

Con estas axudas preténdese incentivar a contratación laboral de persoal técnico de apoio en centros de I+D por un período de tres anos. As titulacións requiridas para poder participar na convocatoria son as de licenciatura, enxeñaría, arquitectura, grao, diplomatura, enxeñaría técnica, arquitectura técnica ou técnica/o superior no marco da formación profesional do sistema educativo.

 

Máis información:

Sección de Recursos Humanos de I+D
Edificio Exeria
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 906
seccion.rrhh.investigacion@uvigo.gal

Persoal contratado con cargo a proxectos

A investigación, a transferencia e a innovación son algunhas das funcións prioritarias da Universidade de Vigo. Para mellorar a actividade investigadora, a institución académica precisa incorporar persoal especificamente contratado para esas tarefas, ben sexa nos grupos de investigación, ben sexa noutras estruturas relacionadas, como os centros de investigación ou os institutos de investigación. 

A normativa actual vixente na Universidade de Vigo determina cal é o procedemento para a contratación de persoal investigador.
 

O procedemento para a contratación na Universidade de Vigo realízase mediante procesos abertos, transparentes e baseados no mérito. As persoas investigadoras principais deberán dirixir as súas propostas de contratación de persoal investigador á Unidade de Contratación de Proxectos de Investigación para a súa inclusión como anexos en cada convocatoria pública. 

As convocatorias publicaranse alomenos cada 15 días.

De acordo co establecido na disposición transitoria segunda da Normativa de contratación do persoal investigador da Universidade de Vigo, aqueles contratos por obra ou servizo determinados asinados pola UVigo, vencellados a un centro de investigación recoñecido polo sistema universitario de Galicia, a grupos de investigación de referencia competitiva (GRC) ou a grupos de potencial de crecemento (GPC), que estiveran vixentes o 31 de decembro de 2021 ou durante o período transitorio previsto no Real decreto-lei 32/2021 (transitoria cuarta) e cuxa vixencia termine en 2022 ou nunha data posterior, poderán transformarse en contratos indefinidos do artigo 23 bis da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, tecnoloxía e innovación, a condición de que se cumpran acumulativamente dous requisitos:

  • Que a selección das persoas afectadas se realizase a través de convocatoria resolta respectando os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade así como de publicidade.
  • Que se conte con financiamento acreditado suficiente para facer fronte a todos os custos vinculados á devandita contratación.

De xeito excepcional, para atender esta disposición, establécese o seguinte procedemento:

  1. O investigador/a principal do proxecto ou da actividade recibirá por correo electrónico un documento con información relevante sobre a  posible transformación do contrato, entre outras, o custo anual.
  2. O seguinte paso será cubrir o formulario disposición transitoria segunda. Cumprirá subir a declaración responsable cuberta e asinada electronicamente.   
  3. Debido á excepcionalidade deste proceso, a comisión de investigación resolverá en fases sucesivas, segundo a fase de finalización dos contratos; iniciarase cos que finalizan en xuño e en xullo.

Prórrogas de contratos por obra ou servizo

Os contratos por obra ou servizo vixentes con anterioridade á entrada en vigor do Real decreto-lei 32/2021, poderán prorrogarse mentres estea en vigor o proxecto e ata o 30 de decembro de 2024 como máximo.

Para xestionar estas prórrogas, seguirá utilizándose o procedemento habitual antes da entrada en vigor da normativa de contratación. Os investigadores e investigadoras principais deben cubrir e asinar o anexo I de solicitude de prórroga e tramitar a solicitude ao Servizo de PDI a través das unidades de apoio dos centros.


Transformación en temporais da disposición adicional quinta

Aqueles contratos vencellados ao PRTR ou para a execución de programas de carácter temporal con financiamento de fondos da UE que se formalizaron a través dun contrato por obra ou servizo e que estean próximos a rematar, poderán transformase na nova modalidade de contratación temporal da disposición adicional quinta do Real decreto-lei 32/2021 e prorrogar a súa vixencia sen necesidade de publicar unha nova convocatoria.

Para isto os investigadores e investigadoras principais deberán presentar unha declaración responsable de que a contratación se realizou consonte os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade. 

Para solicitar as transformacións, deberá seguirse o mesmo procedento que para as prórrogas. Os investigadores e investigadoras principais deben cubrir e asinar o anexo I de solicitude de transformación e tramitar a solicitude ao Servizo de PDI a través das unidades de apoio dos centros. 

 

Máis información:

Unidade de Contratación do Persoal Investigador
Edificio Exeria
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 130 231 | 986 130 232
consulta.ucpi@uvigo.gal

Concursos do PDI

Para traballar na Universidade de Vigo como profesor ou profesora, terás que cumprir os requisitos do corpo ou da categoría na que pretendas concorrer nos concursos de profesorado e de investigación.


Saber máis

 

Máis información:

Sección de Selección e Programas
Servizo de Persoal Docente e Investigador
+34 986 813 765 / 813 907 / 813 421
consultapdi@uvigo.gal