Máster Universitario en Enxeñaría da Automoción
Características
Área de coñecemento
Centros
Coordinación do título
Descrición
Trátase dun título oficial que se imparte desde 2008. Ofrece unha formación especializada e actualizada nun dos sectores máis dinámicos e innovadores da enxeñaría. Deseñado en estreita colaboración con CTAG, Stellantis e CEAGA, este mestrado capacita o estudantado para afrontar os retos tecnolóxicos da automoción moderna, como a electrificación, automatización, conectividade e eficiencia enerxética.
Ao longo do programa, o estudantado adquirirá competencias avanzadas en deseño e en desenvolvemento de vehículos, sistemas de propulsión, electrónica do automóbil, simulación e fabricación, combinando formación teórica con proxectos prácticos e unha estreita vinculación coa industria.
O mestrado está orientado tanto a novos titulados/as en enxeñaría como a profesionais que buscan actualizar ou ampliar o seu perfil técnico. Inclúe prácticas en empresa e a posibilidade de desenvolver un traballo fin de mestrado nunha contorna real de I+D.
A participación de profesionais especialistas de empresas e a impartición de sesións nas súas instalacións garante un enfoque práctico do mestrado e a súa continua actualización coas últimas novidades do sector.
Saídas profesionais
Ao tratarse dun sector altamente tecnolóxico e en constante evolución, as persoas egresadas poderán traballar en áreas como o deseño e o desenvolvemento de vehículos, sistemas de propulsión (incluíndo eléctricos e híbridos), enxeñaría de probas, simulación e análise de compoñentes, así como en produción, calidade e xestión de proxectos. Tamén existen oportunidades en empresas provedoras de compoñentes (Tier 1 e Tier 2), consultoras de enxeñaría, centros tecnolóxicos e departamentos de I+D de grandes fabricantes. Ademais, o auxe da mobilidade sostible e os vehículos autónomos ampliou as posibilidades cara a campos como a electrónica, o software e a intelixencia artificial aplicada ao automóbil.
Obxectivos xerais da titulación
O obxectivo principal deste mestrado é formar profesionais altamente cualificados capaces de afrontar os desafíos actuais e futuros da industria do automóbil.
Para iso, expóñense os seguintes obxectivos específicos:
- Afondar nos coñecementos técnicos avanzados relacionados co deseño, desenvolvemento, fabricación e validación de vehículos e os seus sistemas.
- Fomentar a capacidade de innovación e de adaptación tecnolóxica nun sector en constante evolución, impulsado pola electrificación, a automatización e a sustentabilidade.
- Desenvolver competencias no uso de ferramentas e de metodoloxías de enxeñaría aplicadas ao sector da automoción, como simulación, CAD/CAE, control e electrónica embarcada.
- Impulsar a capacidade de traballo en equipo multidisciplinar, a comunicación efectiva e a toma de decisións técnicas e estratéxicas en contornas colaborativas e internacionais.
- Facilitar a inserción laboral e o contacto directo coa industria, mediante prácticas en empresas do sector, visitas técnicas e participación en proxectos reais de I+D.
- Fomentar o pensamento crítico, a investigación aplicada e a aprendizaxe continua, preparando o alumnado para asumir responsabilidades técnicas e de xestión dentro do ámbito da enxeñaría do automóbil.
- Aumentar o nivel tecnolóxico nun sector de alta importancia en Vigo e en Galicia.
- Incrementar a colaboración entre a universidade e empresas do sector.
Mobilidade
Regulamento e normativa aplicable
Acceso e admisión
Cando as persoas preinscritas superen o número de prazas dispoñibles no programa para a admisión de estudantes, observando os principios de obxectividade, imparcialidade, mérito e capacidade, teranse en conta os seguintes criterios de valoración:
- Titulación de acceso segundo a prioridade establecida no punto anterior (ata 5 puntos).
- CV da persoa interesada, que incluirá o seu expediente académico, a súa experiencia laboral e outros méritos que desexe facer constar (ata 5 puntos).
En función dos resultados obtidos na admisión e segundo o criterio da comisión académica, poderase establecer unha puntuación mínima e, en caso de estimarse necesario, debido á existencia dun empate ou de puntuacións practicamente idénticas, poderase realizar unha entrevista persoal que terá unha valoración de 1 punto.
Perfil de ingreso recomendado
Persoas graduadas en enxeñaría do ámbito industrial ou tituladas noutras disciplinas que garden unha relación co sector do automóbil nalgunha das súas facetas (produción, deseño, diferentes fases da produción como a estampaxe, tratamentos de carrocería, pintura, soldadura, montaxe etc.).
As titulacións requiridas para a admisión son por esta orde:
- Enxeñaría Industrial e mestrados no ámbito da enxeñaría industrial
- Graos no ámbito da enxeñaría industrial
- Enxeñaría Técnica Industrial
- Enxeñarías e mestrados noutros ámbitos distintos ao da enxeñaría industrial
- Graos noutros ámbitos da enxeñaría distintos ao da enxeñaría industrial
- Enxeñarías técnicas industriais noutros ámbitos distintos ao da enxeñaría industrial
Poderán tamén ser admitidas no mestrado persoas candidatas doutras titulacións se ao criterio da comisión académica acreditan os coñecementos necesarios para a realización do mestrado.




